
A Pablo Trabadelo un día dixéronlle que tía un ramalazo ácrata. Antes rexentara un blog ciclopedestre, e despois leu con devezo unha antoloxía dos artigos de Larra. Tentando de non se confundir a súa voz ca liña oficial de Axuntar (protexéndose a sí mesmo do gregarismo e á asociación dos futuribles exabruptos), solicita un couto que lle é concedido, e fala de si mesmo en terceira persoa como un gelipollas pra pechar o… cuadrado.
Notas sobre o reintegracionismo dende o Resu(rrection Fest). Presentación da H-CATS.
Vai un par de anos coincidín, no Complexo Educativo de Cheste, Valencia (mole brutalista, estarabouzo visual e espacial medio compensado polo piñeiral que ocupa o resto do zarro) co 82º Congreso Español de Esperanto. O asunto abraioume por completo, porque atopo estas neolinguas artificiais benintencionadas pero simpáticamente obsoletas, cun punto naif propio de épocas nas que aínda cabía crer nas utopías. Acho (pronunciado [‘aʃo], como en portugués, porque me chista máis, e aquí estou reintegrando) que o único no que nos queda crer, sendo realistas, é no colapso, temos demasiados datos desacreditadores de utopías. Que se complete o colapso no que estamos xa inmersos… E a ver qué ven detrás. Seguro que non unha utopía socialista, nin unha tecnoutopía como o Ecumen de A mao esquerda da oscuridade, e probablemente tampouco distopías chungas tipo Mad Max, ou Farenheit 451, ou Soños eléctricos de Ramón Caride Ogando. ¿Quén sabe? Coincidín con aquela tropa de esperantistas ben avanzado 2024, estando eu cun equipo ciclista (burgués, vigués e falcatrúas) traballando como auxiliar, con 7 xóvenes ciclistas de entre 20 e 30 anos (varios deles estudantes universitarios), máis un veterano director deportivo e un mecánico arxentino, quenes, ó verme alucinar da maneira ca visión do pelotón esperantista, extrañáronse. Pregunteilles a ver se sabían algo do asunto, e naide sabía miga do esperanto: ¡cómo se empeña a realidade ás voltas en negar as utopías! A realidade, a estupidez humana, as dinámicas identitarias… Cousías.
Pois ben, o reintegracionismo é unha corrente lingüística que defende que o galego e o portugués son aínda a mesma lingua. Que, tollendo o disfraz ortográfico, de aí as diversas propostas de escrita (para a palabra /na’θĭon/ ~/na’sĭon/: nación ~ naçom ~ nação), é evidente que o que chamamos galego é a variedade dialectal do galego-portugués medieval que evoluíu nos nosos territorios, como o que chamamos portugués é a variedade dialectal do galego-portugués medieval que evoluíu nos sous, e que ambos son variedades dialectais da mesma lingua galego-portuguesa actual. Dialectos esgallados dun mesmo idioma ante condiciois evolutivas diferentes: angolano, brasileiro, portugués europeo, galego… De modo que, igual que ca túa fala de Parral (Chile) pides traballo en ParquePrin e concédencho, ca túa fala de Mueda (Mozambique) pides choio no Spacio Shopping de Lisboa e concédencho (o cal pode pasar), ou no Marineda City da Coruña (o cal, se callar… non pasa). Vale, estou sendo torticeiro cos exemplos: lusofonía africana e La Coru Neno. Máis realista, máis frecuente, casos próximos reais: peisanos portugueses do norte que acaban traballando no monte en, por exemplo, Taramunde. Segundo a tese reintegracionista esa xente deberá, simplemente, falar como na casa, como fai, por exemplo, a parella de neorrurais madrileños que abríu un excelente restaurante nos Almallos (falantes nativos de castelán, ese pequeno esperanto, como todo dios na comarca, que ó chegaren a dita comarca seguiron falando como aprenderan na casa porque, probado pola realidade, as falas de Madrid e o Taramunde castelaofalante forman parte do mesmo idioma e recoñécense mutuamente como tal con ese agasallo extraordinario da intelixibilidade mutua sen esforzo). Pero non, os portugueses que afincaron na nosa zona… Non falan como na casa.
Como na casa estaba eu no medio do barullo dese festival de californismo máquina de papar cuartos que é o Resu(rrection Fest, en Viveiro, Mariña Lucense). Un festival caro, como todos os macrofestivais, cun fondo de inversiois sionista metido no accionariado (non maioritario, eso si), ó que ano tras ano, se podo, asisto, porque traen música interesantísima, congregan a muita xente que firma o mesmo pacto de aceptación de pseudoagresiois danzarinas o cal posibilita momentos divertidísimos, quédame cómodo loxísticamente, non coces coma se fose Getafe… Como na casa estaba alí no Resu cando a presente trabadelada foi revelándose como perentoria e impepinable. Porque cuadrou que no cartel do venres coincidiron tres bandas portuguesas e unha brasileira que me fixeron pensar en certas cousas, como na portada do Vulgar Display of Power de Pantera, no colapso, na dimensión política do concepto molar, no reintegracionismo ou na posibilidá dunha fraternidade universal. Pensamento sobreinclusivo, babe.

Os fucking Gaerea Total, que tres grupos portugueses e un grupo brasileiro. Madmess, Okkultist, Gaerea e Sepultura, respectivamente. Os Madmess (‘barullo tolo’ podería ser unha boa tradución) son unhas bolas de pelo que tocan rock psicodélico e stoner con solvencia. Pouca letra, sempre en inglés, con títulos como «Death by Astonishment», «Velvet Nebula», «Stargazer» ou «Lunar Giant», mui do seu rollo. Son do Porto. Falan pouco co público de Viveiro. Thank you, dicen, we are Madmess from Portugal (pronunciado [‘poɾ.tʰu.gal] e non [puʀ.tu.’gaƚ]), e a min espíleseme todo o corpo astral e alinéaseme Marte con Saturno e danme unhos puxos de subir ó escenario montar un requecheheimadmess olímpico, e noutra pausa o guitarrista di I’m going to say this in portuguese: ¡Obrigado, caralho! e eu exclamo MENOS MAL, e o concerto estuvo muito ben aínda que estas monas lisérxicas pensasen que estaban non no campo de futebol de Celeiro senón en Woodstock. De Porto é tamén Gaerea. Tocan con mázcaras, un black metal [pronunciado paroxítono] progresivo emocionante que levan á escea cunha teatralidá muito efectiva, e entre as filas 5 e 25 móntase, aí si, un barullo tolo con tódolos pasos de baile individuais e colectivos que o folclore metálico-hardcoreta provee para a adecuada e segura canalización da sobrecarga enerxética. Entre a infame-turba-de-nocturnas-aves que ó meu redor aldían e esgaldrapani, sinto comentar en portugués e ascender un espontáneo cantar futbolístico, básico e efectivo como é a música popular, POR-TU-GAL, POR-TU-GAL, canto monotonal en compás 1/1 con silencio no cuarto compás POR-TU-GAL-[COMPÁS DE ESPERA], POR-TU-GAL-[COMPÁS DE ESPERA], e Alpha, que a dito arcuño responde o cantante, xa que queren ser xente incógnita e cultivar o misterio, achégase serpeando ó micrófono e gruñe Thank you. Se callar non é a lusofonía a irmandade á que Gaerea sinten pertencer. Okkultist, por último, é un grupo lisboeta encabezado por Beatriz Mariano, quen se publicita no seu Facebook como Freelance Visual Artist, e pode ser localizada en redes có hashtag @beatrizmarianophotography. Non é necesario, a estas alturas, sinalar cal foi a súa elección lingüística (hello Spain how are you etc open the fucking pit I wanna see you getting fucking crazy we are Paleface Swiss and we come from fucking Switzerland fucking alpine country where fucking English isn’t oficial but fucking French, German, Italian and Romanche and we are Dogma and we come from Uruguay and we are Okkultist from Lisbon and we are LANDMVRKS from France etc).

Por aí soltei a palabra «californismo», e algo sobre «a dimensión política do concepto molar». A cousa é que, neste subgrupo social, como noutros cuantos, a nosa identidade é eminentemente californista. A California dreaming, a California surfing, a Volkswagen California (coche alemán)… O Mediterráneo yanqui. O lugar simbólico da opresión cultural (da aceptación da opresión cultural), a interiorización e asunción do triunfo dun dos bandos da Guerra Fría. Os grupos, ca cabeza chea de imaxes mitolóxicas como Jimi Hendrix queimando na guitarra ou Robert Plant embruxando multitudes, performan californismo cando por exemplo Molly, enfoutadísimo cantante de Hamlet, José Molinero no DNI, corre polo escenario animando a xente en espánglis e vestido cunha sudadeira de futbol americanoii. O público, ca cabeza chea de vídeos de youtube tipo «The biggest wall of death ever», tamén performamos californismo, non esquezamos, como mostra, que a organización do Resu ofrece a posibilidá de casar na súa Resuland Chapel, «brindando con un chupito de Thunderbitch. La bebida mágica creada con el mejor whisky canadiense, y que os aportará un toque afrodisíaco y enérgico hasta la posteridad, gracias a su receta que incluye canela y chili». ¿E de onde sae todo ese californismo? Dun enfermizo sistema de molonidade que é xerárquicoiii.
Explicol cun exemplo: poñede que me puxeron de nome Federico e son de Torrejón del Rey, Guadalajaraiv, amo mazar na batería e axuntei cunhos colegas pra montar un grupo de metalcore porque é o que MOLA e, sempre por mor de dita MOLONIDADE (velaquí a articulación perversa entre o ecosistema semiótico e as vidas individuais que nel tein lugar), femos canciois acerca das nosas cuitas adolescentes en inglés e bautizamos o grupo Demons from the Flatlandsv. Canalizar esa expresión pretendidamente lírica na nosa única lingua mai (como manchegos, non sendo que alguén do grupo seña de familia inmigrante… somos monolingües, esa rareza), o castelán ou español, non está permitido porque MOLA menos, e bautizar o grupo Demonios de la Llanura tampouco está permitido porque MOLA menos. Ídem se me chamo Emilio Francisco (homenaxe que quixeron fer na casa a meus avolos macho) e son del Foxo de Meredo, e mira que, como nome de grupo, Demos da Chaira soa de torbón pero… Existe unha Escala universalmente aceptada de MOLONIDADE (How Cool Are Things Scale, H-CATS)vi na que Demons from de Flatlands > Demos da Chaira.
Asta aquí a dimensión política máis aparente da molonidade. Pero, e caemos na conexión co esperanto e as fermosas utopías, cómpre citar de novo a Alpha, incógnito vocalista de Gaerea: «it’s beautiful to be touring arount the world playing metal music for all of you guys, here, no matter where, no matter who you are, we are brothers»vii. ¿Pode ser que, igual que podemos sentir noxo por GG Allin pero respetar a consistencia ideolóxica do seu proxecto artístico e vital, poidamos resignificar as elecciois lingüísticas destas bandas non en clave de californismo senón en clave de fraternidade universal? O inglés, deste xeito, pasaría de ser a lingua-da-conquista total a unha especie de esperanto natural, como o son as linguas de superestrato que levaron os colonizadores (francés, portugués, inglés…) en amplios territorios de África e Asia fundamentalmente: linguas de comunicación nacional e internacional superpostas a mosaicos de linguas vernáculas, ferramentas para a convivencia entre individuos e a consolidación de naciois creadas muito bruscamente e con pouco xeitoviii. A pervivencia de sistemas de explotación poscolonial é por suposto inxustificable, pero, sendo a realidade a que é, os colonizadores tamén deixamos ferramentas útiles: eu podo, ca miña fala de Parral (Chile) chegar a ParquePrin e pedir traballo, e igual mo conceden; eu podo, ca miña fala de Parral (Chile) escribir «sucede que me canso de ser hombre» e que 600 millois de persoas me entendan sen traducir. ¿Poden separarse ambas dimensiois? Benito o portorriqueño vindica o hispano que foi alí imposto vai 500 anos, nun pasado tan remoto, e previo á escritura naquelas culturas insulares caribeñas, que non quedan máis ca restos etimolóxicosix; e critica a imposición político-cultural angloyanqui dos últimos cen anos… No Tinydesk… Na Superbowl… A cousa está de todo menos clara, ¿non?
Pero, certo é, Benito o portorriqueño, o que actuou na Superbowl no alter ego de Bad Bunny (o tipo tía pra escoller, entrer as súas linguas maternas, dúas opciois: Bad Bunny e Conejito Malo; e seleccionou a que tía un valor más alto na H-CATS, que tamén e sobre todo é unha escala de mercantilizabilidá). Parecido pasa co grupo brasileiro que tocou no Resu este ano: Sepultura. Heroes do thrash metal [pronunciado paroxítono], os irmaos Cavalera presentáronse en Viveiro, baixo a etiqueta Cavalera Conspiracy que ten un valor H-CATS máis alto que Conspiração Cavalera, a tocar íntegro o disco-de-culto do 93 Chaos A.D., todo en inglés porque mola máis ou porque non pode un fuxir do seu ecosistema ou porque o inglés serve como neolingua da fraternidade universal. Pero, sendo cabezas de cartel, foron conscientes de estar no campo de futebol de Celeiro, e falaron co público nunha interlingua iberorrománica maiormente ibero-occidental que podemos chamar galegoportuñol. Non no seu portugués brasileiro materno, como postularían as teses reintegratas (así lles chaman en certos ambientes), pero si na consciencia de pertencermos a comunidades de lingua xenéticamente próximas, de xeito que aldariquear por esos territorios garante muito mellor a intercomprensibilidade que recurrir ó inglés. Pódese ser cabeza de cartel sen, polo menos nese pequeno detalle significativo, dar soporte a unha estrutura de poder simbólico alicerzada na H-CATS, escala agromada na árbore das grandes compañías (the owners of the world que cantaban os Arizona Baby, grupo de… Valladolid). A reflexión final multicapa é, entón: ¿pode existir a lusofonía (galego-lusofonía ou galegofonía, segundo a web da AGAL) como fraternidade universal ou como mínimo transnacional? ¿Permite o mercado que unha fraternidade así seña funcional? Se o importante é a fraternidadex, ¿haberá que abrazar o inglés como única lingua vehicular posible de dita unión de xentes? ¿Pódese facer esto sen que suban as acciois da Fox, a Universal, a Metro Goldwyn Mayer ou a Roadrunner Records?
i En Varela Aenlle: Esgaldrapado, -a adx. ‘Libertino’.
ii Todos os respetos para esa institución que é Hamlet, por algo tan básico como escribiren as letras en español.
iii Pensamento sobreinclusivo: En León, na zona de Eras de Renueva, hai un ximnasio especializado na impartición de clases de Crossfit que se chama Gerark. A maioría da xente que asiste o pronuncia [ʝe.’ɾaɾk]. O fonema /ʝ/ é representado en español pola grafía y, e, nas áreas yeístas (case todas) tamén pronunciamos así o dígrafo ll. A grafía g ten dúas posibles pronunciaciois: /g/ (ga, gue, gui, go, gu) e /x/ (ge, gi). No español septentrional, que é o falado en León, Gerark pronúnciase /xe.’ɾaɾk/. Pero claro, para o sitio no que fago Crossfit, necesito un fonema máis molón.
iv Completo a escritura desta trabadelada na veciña localidade madrileña de Valdeavero, traballando como auxiliar-fisio-masaxista-whatever cun equipo con sede en… ¡Washington D.C.!
v Lista rápida solicitada a unha IA de grupos de metalcore e similares con nome de grupo de metalcore: Bullet for My Valentine (Reino Unido, Gales), Kingdom of Giants (Estados Unidos), Winds of Plague (Estados Unidos), War of Ages (Estados Unidos), Texas in July (Estados Unidos), From Autumn to Ashes (Estados Unidos), Of Mice & Men (Estados Unidos), Between the Buried and Me (Estados Unidos), Upon a Burning Body (Estados Unidos), From First to Last (Estados Unidos), Breakdown of Sanity (Suiza), Born From Pain (Países Bajos), Beyond the Styx (Francia), In Other Climes (Francia), Tides from Nebula (Polonia), Dawn of the Maya (España, Navarra), Against the Waves (España, Madrid), Legacy of Brutality (España, Asturias, Navia, Veiga), Fall of Messiah (Francia), Rise of the Northstar (Francia)
vi A H-CATS (pronunciado “eich-cats”) ten aplicación universal e travesa. A gradación numeral está aínda en proceso de validación, pero xa se consideran válidas aplicaciois intuitivas tipo Joseph Lewis Roderickson Cobbler > Jose Luis Rodríguez Zapatero.
vii Tradución libre desas palabras que espontánea e imperfectamente memoricei: «é guapo estar xirando arredor do mundo tocando metal [pronunciado paroxítono] pra todos vós, aquí, non importa o sitio, non importa quen seades, somos irmaos».
viii Recordamos, ante a tentación de utilizar neste parágrafo «naciois creadas mui artificialmente», que todas as naciois son artificiais, e que eso que chaman “naciois naturais” é un invento que arranca no idealismo alemán do século XVIII e que desemboca en Auschwitz, ou en Sarajevo, ou en Gaza. Galiza nom é naçom, meus, Galiza é comunidade autónoma.
ix ¿Deixaría sequira algún resto arqueolóxico a febre das plantaciois de azucre? ¿Cánto de taínas son as etimoloxías, cánto de bantúes, cánto de yorubas…?
x Con tanto uso de fraternidade vénseme ó miolo se non cabería usar sororidade…
